A cabeza da rondalla
Os abandeirados
Dentro dunha rondalla, os abandeirados forman un grupo á parte. Non tocan instrumentos nin levan o mesmo vestiario, pero a súa presenza é fundamental, son os encargados de abrir o desfile e portar as bandeiras que identifican á agrupación.
Nos primeiros anos das rondallas, unha única bandeira bastaba para definir ao grupo. “As primeiras bandeiras servían basicamente para identificar o conxunto que levabas detrás. En moitos casos estaban pintadas a man, eran moi sinxelas”, explica Diego Pérez. Con todo, esa espontaneidade desapareceu durante a ditadura franquista. “Retiráronse esas bandeiras improvisadas e impuxéronse as oficiais, que en moitos casos aínda se manteñen hoxe”, matiza Pérez.
Durante unha época, as únicas permitidas eran as de España. Co paso do tempo foron sumándose outras: a bandeira galega, a de Europa (que adoita portar o capitán), a do municipio da rondalla e, por último, a bandeira propia do grupo. “A función do abandeirado hoxe en día é identificar claramente á agrupación á que representa”, engade Diego. Tamén se multiplicaron os estandartes: “Ao principio había un só, nos anos 50 e 60 pasaron a ser arredor de tres, e desde os 80 fóronse sumando máis. Agora non é raro ver entre dez e doce bandeiras nun grupo”, detalla.
Á cabeza do bloque está o capitán, unha figura clave, este non só desfila, senon que tamén se encarga de pensar as coreografías e formar aos novos integrantes. “Ser capitán implica moita responsabilidade: guiar, ensinar, marcar os pasos… É un rol de liderado constante”, destaca Adrián. Para Santy, capitán da Rondalla de Beade, o paso de músico a abandeirado, e posteriormente a capitán, marcou un antes e un despois: “Foi un cambio moi forte para min. Estaba afeito a tocar no medio da xente, onde apenas se me vía ou se me prestaba pouca atención. De súpeto, pasei a ser a cabeza visible do grupo, con toda a responsabilidade que iso implica”.
O estilo dos abandeirados está claramente influenciado polos pasos militares. Os movementos son sincronizados, os xiros deben ser exactos e o desprazamento, preciso. “Nunca se pode xirar cara á esquerda, por exemplo, sempre cara á dereita, existen varias normas que un bo abandeirado debe seguir”, puntualiza Martín, capitán da Rondalla de Valladares.
Se nos trasladamos anos atrás, ata o 2012, Diego Pérez apunta que foi entón cando xurdiron os primeiros esforzos organizativos para redactar unhas bases de bandeiras. "Lémbrome que nos reunimos no Centro Cultural de Beade para redactar o que eran as primeiras normas", explicou Pérez. Este ano, de novo, todos os capitáns de rondalla xuntáronse para actualizar ditas regras, que servirán de guía nos concursos e nos desfiles. Tal e como explica Martín, entre as novas normas establécese que a bandeira non pode tocar o chan, que debe manterse entre o xeonllo e o nocello, e que o pau debe ir sempre pegado ao corpo, entre moitas outras. “Sempre houbo unha transmisión oral das regras, pero agora está todo recollido por escrito. En trinta anos nunca vivín algo así”, subliña Adrián.
Na historia recente dos abandeirados hai dous nomes que deixaron pegada: Armando e Quique. Ambos pasaron por diferentes agrupacións e marcaron estilo. “Cambian moitas cousas co tempo, pero un braceo ou un xiro xa che indica de que escola vén ese abandeirado”, comentan os veteranos. Son considerados verdadeiros referentes, auténticos “profesores” dentro do mundo rondalleiro.
Con todo, non todas as agrupacións contan con este corpo. A Rondalla de Freixo, por exemplo, nunca incorporou abandeirados. “É algo que non senten como seu, non lles gusta”, comenta Santy, quen tentou implantalos durante un ano no que pasou polo grupo, sen éxito.
“O noso traballo é abrir camiño á nosa rondalla”, resume Adrián, capitán da Rondalla de Atios
Que debe ter un bo abandeirado? Cóntanolo Adrián, Martín e Santy
O cruce de bandeiras
O cruce de bandeiras é un dos momentos máis simbólicos e solemnes do calendario rondalleiro. Cando dúas agrupacións se atopan fronte a fronte, os seus abandeirados protagonizan un ritual de saúdo que combina identidade, respecto e espectáculo.
Esta tradición ten unha das súas expresións máis destacadas no Certame de Rondallas de Gondomar, celebrado o Día de Reis en dous días, de mañá e de tarde, e onde se reúnen practicamente todas as agrupacións da contorna. Ao concentrarse tantos grupos, é tamén o lugar onde se producen máis cruces de bandeiras nun só día, o que converte o evento nun punto álxido para os amantes desta tradición.
No pasado, este encontro tiña un ton máis competitivo. “Hoxe en día os abandeirados estamos moi 'light'. O que agora chamamos saúdo de bandeiras, antigamente era unha batalla de bandeiras. A tradición dicía que cando o capitán se encontraba con outra rondalla, primeiro facía un enfrontramento co capitán contrario e o gañador desa batalla era o que facía que a outra rondalla se apartase para que a el seguíra tocando”, lembra Santy Garrido, capitán de abandeirados de Beade.
O tamén rondalleiro e investigador Diego Pérez vai máis alá: “Antes era unha batalla campal. Teño un artigo dos anos 50 no que se conta que, á saída dun partido do Celta, a Rondalla de San Andrés de Comesaña e a de Casas, ambas xa desaparecidas, chegaron a sacar navallas, romperon mástiles e bandeiras. Aquilo era outra cousa”, comenta con ironía, ao tempo que sinala como esta práctica evolucionou cara a algo moito máis simbólico e pacífico.
Hoxe, cando duas rondallas coinciden, un dos capitáns pide o saúdo baixando lixeiramente a súa bandeira, e se o outro responde do mesmo xeito, acéptase o cruce. Primeiro saúda o capitán ao resto da agrupación e logo fano os demais abandeirados, un por un, cunha coreografía propia deseñada especificamente para este momento. O intercambio pode durar facilmente entre dez e quince minutos.
Aínda que o cruce de bandeiras se pode dar en moitos contextos ao longo da tempada, en Gondomar adquire unha dimensión especial pola presenza masiva de rondallas e pola forza simbólica do evento. Non é só unha mostra de destreza, senón tamén un acto de recoñecemento mutuo, compañeirismo e respecto entre agrupacións que comparten unha mesma tradición.