top of page

A PEL: A NOSA IDENTIDADE

A vestimenta nas rondallas é moito máis que unha cuestión estética; é símbolo, é tradición e tamén personalidade. Ao longo dos anos, a roupa foi evolucionando dende a espontaneidade do vestir cotián ata a construción consciente dunha imaxe colectiva. Cada agrupación expresa quen é tamén a través do que leva posto. Hoxe, a vestimenta funciona como un espello, é dicir, reflicte a historia de cada casa, o sentir da súa xente e o seu xeito particular de entender a rondalla.

RONDALLEIROS: A CAPA COMO EMBLEMA

No nacemento das rondallas, non existía un código estrito de vestimenta. "Cada integrante vestía coa súa roupa habitual, procurando certa harmonía nas cores, especialmente nas chaquetas e pantalóns, pero nunca exactamente iguais". explica Diego Pérez. O único elemento común era unha faixa, boina ou banda, que servía para unificar o grupo.

Foi a partir dos anos 80, co boom das rondallas, cando a capa comezou a consolidarse como símbolo visual. A súa orixe non está documentada, pero segundo Diego, podería deberse ao frío das actuacións no inverno. Con todo, sábese que a primeira rondalla que utilizou capa foi a de Vincios en 1971, tal como nos explica Diego.

A capa negra consolidouse como o estándar da maioría das rondallas, diferenciadas polo forro interior; así encontramos capas co forro vermello en Beade ou Valladares, verde en Vincios ou azul en Pexegueiro, entre outras.

Aínda que a capa negra é a forma maioritaira, encontramos rondallas que optan por solucións diferentes. É o caso por exemplo da de Torroso que  prescinde da capa e aposta por un chaleco amarelo, ou a de Bembrive cunha capa verde, a de Parada  cunha capa azul por fóra e amarelo por dentro ou Pontellas que mantén a capa negra, pero engade un chaleco verde.

Atios é un caso particular. Ata 2017 os compoñentes levaban xerseis de cores variadas cada ano, cunha banda coa bandeira galega. A chegada da capa xerou polémica, como lembra Adrián Pérez, capitán de abandeirados:

“Moita veciñanza dicía que Atios non podía levar capa, que non se sentían representados. A xente criticounos moitísimo nese momento.”

En canto á base do vestiario, a maioría leva camisa branca e pantalón de vestir negro, aínda que hai excepcións, como Zamáns, que aposta por sudadeiras brancas personalizadas sen capucha.

ABANDEIRADOS: UN ESTILO CON MARCA MILITAR​

A figura dos abandeirados non só chama a atención polo seu protagonismo nos desfiles e actuacións, senón tamén pola súa vestimenta, fortemente marcada por referencias militares. Trátase dunha estética inspirada nos uniformes de gala, coas súas  chaquetas estruturadas, os seus galóns, as botonaduras brillantes e un coidado especial pola presenza escénica. A súa imaxe impón así respecto e xera recoñecemento inmediato entre o público.

Con todo, non hai unha norma fixa. Cada rondalla interpreta esta tradición ao seu xeito, adaptando o seu vestiario á súa personalidade colectiva.

 

Algunhas optan por deseños clásicos e discretos, mentres que outras escollen traxes máis rechamantes, con cores vivas, ornamentos, ou incluso detalles bordados a man. Esta variedade convértese nunha sinal máis de identidade.

O que si comparten todos son dous elementos fundamentais: a banda coa bandeira da institución á que representan e unha gorra, habitualmente escura, que completa o conxunto e reforza a súa función representativa. Estes dous símbolos funcionan como nexo común e aseguran unha unidade visual mínima, mesmo entre estilos moi diversos.

Ademais da súa función estética, os abandeirados teñen un papel simbólico moi forte. "Somos os encargados de abrir cada desfile e marcar o paso da rondalla, converténdose na primeira impresión que o público recibe do grupo", explica Martín Estévez, capitan da rondalla de Valladares. 

A súa postura, a coordinación dos seus movementos e o coidado coa vestimenta e a súa bandeira falan do respecto coa que cada casa entende a súa tradición.

CAPITÁNS E DIRECTORES: A FIGURA QUE ROMPE O MOLDE

A vestimenta dos capitáns e directores non segue unha norma fixa nin responde ao uniforme colectivo da rondalla. "Cada un elixe libremente", explica Diego Lorenzo, convertendo a súa roupa nunha forma de expresar a súa personalidade, a súa función dentro do grupo e o estilo da agrupación que lideran.

 

Moitos optan por traxes formais, como americana e pantalón de vestir, cun estilo sobrio e elegante, pero tamén hai quen aposta pola vestimenta tradicional galega, reforzando o vínculo coa cultura popular e a identidade local, achegando así un toque de autenticidade e respecto ás raíces.

No que respecta á cabeceira, non hai un criterio común. "Hai quen leva gorra, outros boina, e tamén hai quen opta por  non levar ningún tipo de sombreiro", explica Plácido Salgueiro.

Esta liberdade estética é coherente coa función que desempeñan. Os capitáns e directores non están suxeitos á uniformidade nin aos movementos coreografiados do grupo. A súa responsabilidade é marcar o ritmo, coordinar á agrupación e liderar o grupo dende unha posición de referencia e autoridade.

Así, a súa indumentaria é unha combinación de estilo persoal e representación colectiva, que serve para distinguir a súa figura do resto de integrantes e, ao mesmo tempo, reflectir o carácter e a historia da casa que representan.

 

Esta particularidade fai que a súa presenza sexa un punto de atención durante as actuacións, simbolizando o equilibrio entre a tradición e a liberdade dentro das rondallas.

bottom of page