top of page

Ola!!

Son Alexia Collazo, estudante de último ano de Xornalismo. A miña historia coas rondallas non comeza cunha cámara nin cunha libreta de notas, senón moito antes, nas festas de nadal, nos ensaios, nas conversas familiares... Prácticamente toda a miña familia materna estivo ou está vencellada dalgunha maneira a estas agrupacións. Eu mesma entrei neste mundo da man do meu pai, que ata coñecer á miña nai non sabía nin o que era unha rondalla.

 

A música sempre foi algo noso, algo moi presente. Estudo música dende cativa, e esa relación tamén me axudou a comprender a forza colectiva, emocional e cultural que rodea este fenómeno.

Como xornalista, sentín a necesidade de darlle forma a esa herdanza e de contar unha historia que, malia estar tan presente para moitas persoas do sur de Pontevedra, poucas veces se conta con profundidade. Podemos dicir que este proxecto nace así da vontade de poñer en valor unha tradición viva e complexa, de documentala, e de compartila coa mesma paixón coa que se vive dende dentro.

O proxecto 

Esta reportaxe multimedia nace da necesidade de explicar que son as rondallas, de darlles voz e espazo a unhas agrupacións culturais que, malia a súa longa traxectoria e presenza nas nosas vilas, seguen sendo practicamente descoñecidas fóra do sur da provincia de Pontevedra.

Durante toda a miña vida, as rondallas estiveron moi presentes. Por iso, sempre supuxen que todo o mundo sabía o que eran, pero cando me trasladei a Santiago para estudar xornalismo, a miña percepción mudou por completo. Chegou o Nadal, e ao falar coas miñas compañeiras de que tiña que ir coa rondalla, notei as súas caras de confusión, de non entender de que lles estaba falando. Para min foi un choque, algo tan central na miña identidade cultural era, para outras persoas, completamente alleo.

Ese momento marcou o inicio desta idea: crear un proxecto que explicase con claridade e respecto o que son as rondallas. Porque non se trata só de grupos que desfilan polo Nadal, é algo máis; son expresións colectivas, rituais comunitarios cheos de música, de memoria, de transmisión interxeracional. A súa importancia vai máis alá do que se ve, pois están profundamente ligadas á identidade de moitas parroquias e barrios.

Por desgraza, apenas existen arquivos, estudos ou materiais accesibles sobre elas. Quixen contribuír a paliar ese baleiro cun traballo que mestura o testemuño oral, a documentación dispoñible, a memoria familiar e a miña propia experiencia como integrante. Unha ollada desde dentro, pero con vontade de comunicar cara fóra. 

Agradecementos

A todas as persoas que abriron comigo portas do pasado, que me regalaron tempo, imaxes, voces e lembranzas, grazas. Sen ese tecido colectivo, isto non sería máis que un silencio.

A Noa, amiga e compañeira, que non só colaborou con xenerosidade neste proxecto, senón que tamén foi o motor que o puxo en marcha cando nin eu tiña claro o camiño. Sen ela, isto non existiría; Noa isto tamén é teu. Grazas por estar, por acompañar, por soster.​

A papá e mamá, que, sen certezas nin garantías, sempre me alentaron a perseguir o que me apaixonaba. O voso apoio constante foi a base que me permitiu avanzar. Grazas por facer posible este soño.

Pero, con permiso de todos, gustaríame adicar este traballo a dúas persoas moi especiais.

Á miña avoa, todo o que eu quero chegar a ser. Sempre presente, sempre disposta, sempre orgullosa, sempre ao meu carón.

E a Benjamin, o meu avó, que sen sabelo formou parte deste camiño. Amaba a música, a lectura e as pequenas historias que facían grande cada día. Madrugaba para ler "o Faro"  e compartía cada novidade con ilusión. Gustaríame que puideses ler isto; sei que che gustaría e estarías orgulloso. Este traballo tamén é teu.

​​

Se sentes que hai algo que falta, que che gustaría engadir ou simplemente queres compartir unha historia, unha lembranza ou un material relacionado coas rondallas, non dubides en poñerte en contacto!!

A túa relación coa rondalla
bottom of page