top of page

A MEMORIA: DE ONDE VIMOS?

DE ONDE VIMOS?

“O ser humano non só necesita traballar... tamén precisa compartir, pertencer, tocar. As rondallas foron iso: un símbolo, unha identidade.” Así define Caseiro, veciño de Valladares e investigador da rondalla da súa parroquia,  o que significaron e significan as rondallas para o sur da provincia de Pontevedra. Estas non naceron dun deseño institucional nin dun proxecto cultural programado, senón dunha forza natural de cohesión veciñal. A súa orixe está na necesidade de xuntarse, de tocar, de crear algo colectivo, e iso converteunas nun fenómeno profundamente arraigado nas parroquias do sur da provincia.

​​

Falamos dun fenómeno absolutamente local, exclusivo do sur da provincia de Pontevedra. Ao longo da súa historia, calcúlase que existiron arredor de 100 rondallas diferentes, repartidas en máis de corenta parroquias, segundo estima Diego Pérez, investigador que leva anos traballando na recompilación de datos sobre estas agrupacións. Esténdense por un territorio amplísimo que abrangue todo o suroeste da provincia, desde Nespereira (no concello de Pazos de Borbén) ata Pexegueiro, en Tui. Falamos dun movemento cultural que non se atopa noutras zonas de Galicia nin do Estado, a súa singularidade é tan marcada que mesmo dentro da provincia non hai apenas presenza fóra desta área concreta, chegando a ser descoñecidas para todo aquel alleo a elas. 

​​​

Durante décadas foron parte esencial do Nadal, cun forte compoñente emocional, artístico e mesmo competitivo entre as distintas parroquias. Tocaban o 5 e o 6 de xaneiro, entre música, rivalidades e percorridos polas rúas. Pero a súa historia, malia ser tan viva e presente en moitas parroquias, está chea de lagoas.

​​

Segundo explica Diego Pérez, a dificultade principal á hora de trazar a súa evolución está na práctica inexistencia de documentación oficial. Non hai arquivos, actas nin rexistros sistematizados. Todo o que se sabe vén da prensa local e dos testemuños orais, que como moito permiten retroceder ata os anos 50. Todo o anterior está envolto en incerteza, reconstruído a partir de referencias dispersas.

​​​​​​

Aínda así, grazas ao seu labor, sabemos que a primeira rondalla da que hai constancia documental é a de Zamáns, que aparece mencionada nunha nova de Nadal de 1917. A esta séguenlle outras dúas que tamén se poden rastrexar en prensa: a de Matamá, en 1918, e as de Beade e Bembrive, ambas en 1923. Son as primeiras pegadas dun fenómeno que, como nos fai saber Diego, xa existía antes da Guerra Civil.

​​​​

Moitas das actuais agrupacións foron refundadas ou reinventadas ao longo do século XX, sobre todo a partir dos anos 80, cando comeza un novo auxe das rondallas. Así, estas agrupacións non sempre tiveron continuidade, moitas desapareceron ao longo dos anos, sen que quede claro exactamente cando ou por que. A teoría máis estendida é que quen as organizaba deixou de facelo, e non houbo quen recollese o relevo. Algunhas volveron anos despois, refundadas por novas xeracións que decidiron retomar a tradición, como o caso da de Beade no 1996 ou a de Valladares no 1975, pero pola contra, outras moitas desapareceron definitivamente.

Tal como lembra Adrián Pérez, capitán de abandeirados da Rondalla Santa Eulalia de Atios e membro dela dende hai case trinta anos, esta agrupación é a que máis anos leva en activo de maneira case ininterrompida. Este ano cumpre 100 anos de actividade, con tan só un parón na tempada 2016/2017, para volver saír á rúa na seguinte. “Non se concibe un Nadal sen a Rondalla de Atios, para Atios é un emblema”, afirma Adrián, e iso mesmo podería dicirse de moitas outras parroquias da zona.

​​​​​​​​

A tradición sobrevive, pero o seu pasado aínda está por descifrar. Saber exactamente cando naceu cada rondalla é, a día de hoxe, case imposible. O que temos son fragmentos, voces, e moita memoria dispersa que investigadores como Diego Pérez ou Caseiro, seguen recompilando cun traballo paciente e apaixonado. Porque a historia das rondallas non está recollida en libros, pero vive en cada parroquia que, ano tras ano, segue saíndo á rúa para facer música. E iso tamén é historia.

Unha figura histórica

A Real Academia Española define o termo “majorette” como unha moza vestida con uniforme militar de fantasía que, en ocasións festivas, desfila xunto a outras, axitando rítmicamente un bastón e ao son dunha banda de música. Pero quen viviu a rondalla de Valladares sabe que foron algo máis. Durante máis dunha década, as majorettes foron parte esencial da imaxe da súa rondalla, unha proposta singular, visualmente impactante, que marcou época e xerou, sobretodo, debate

 

Todo comezou o 1 de xaneiro de 1987, cando por primeira vez desfilaron acompañando á rondalla de Valladares. Aquel día ían actuar no concurso das Travesas, en Vigo, o certame máis relevante do momento e que, daquela, funcionaba como autoridade non escrita sobre o que debía ou non debía ser unha rondalla. A federación aínda non existía e o xurado fixaba as regras. A súa presenza non pasou desapercibida, e durante moitos anos as majorettes non eran admitidas no concurso.

Tras a súa aparición abríronse dúas visións moi diferentes. Por unha banda, estaban os que vían nas majorettes un elemento innovador, algo que distinguía Valladares do resto das agrupacións, incluso con certo aire vangardista. Para outros, pola contra, resultaban alleas á tradición, un engadido estético sen base cultural, e incluso unha representación cuestionable da muller. Houbo quen argumentaba que, mentres existisen majorettes, as mulleres non poderían formar parte doutras funcións como a de abandeirada. O debate dende entón estaba servido.

​O certo é que a idea naceu do capitán abandeirados de Valladares, Marcelino Barreiro, quen xunto ao seu equipo, decidiu darlle unha volta á posta en escena e introducir ás mulleres nun novo rol visual.

As majorettes desfilaban entre o grupo de abandeirados e a rondalla. Eran entre dez e vinte mulleres que seguían a súa propia formación, dirixidas pola súa capitana, figura equivalente ao abandeirado, encargada de marcar os pasos e organizar os movementos. O seu uniforme, composto por gorro, capa curta, carcasa, chaqueta entallada, saia e botas de tacón, combinaba elementos inspirados na tradición militar e na estética máis escénica. Portaban ademais un bastón co que executaban coreografías sincronizadas, moitas delas inspiradas en películas e espectáculos estadounidenses, adaptadas á música e ao ritmo propios das rondallas.

A súa presenza achegaba espectáculo e unha linguaxe visual diferente, pero tamén xeraba controversia. A vestimenta das majorettes foi un dos obxectos principais de crítica por parte dalgúns sectores, xa que consideraban que se estaba a cosificar á muller, reducindo a súa participación a un elemento estético. Comentarios como “eran de bo ver” ou “era algo vistoso” ilustran esta visión, propia dun tempo no que a presenza feminina en contextos públicos e tradicionais como as rondallas comezaba a cuestionar certas normas non escritas. Así, mentres para uns eran unha mostra de innovación e personalidade propia, para outros resultaban impropias, denigrantes para a muller e mesmo alleas ao espírito da rondalla.

​​

Porén, a súa continuidade non foi doada. Cando a figura das majorettes ía cumplir os 25 anos, desapareceu. A presión, o cuestionamento constante e a falta de apoio fixeron que Susana, a súa última capitana, decidise abandonar. “Con 18 ou 20 anos non estaba para enfrontarme a ninguén, só precisaba que me apoiasen”, explica. "Decidín deixalo daquela, e non houbo ninguén do grupo que collese o relevo, por consecuencia, morreu esa figura", conclúe Susana. 

As majorettes foron, en definitiva, unha anomalía dentro da norma. Un xesto que rachou esquemas, que espertou adhesións e tamén resistencias. E que, malia todo, hoxe xa é memoria. Para moitos, un erro; para outros, un signo de identidade. Pero sexa como for, existiron. E formaron parte, durante máis dunha década da rondalla de Valladares. 

Jéssica Pérez: "Eran chicas que llevaban una vestimenta un poco 'provocatica', picante, un poco al estilo de las animadoras americanas"
Susana Figueiras: "As majorettes desaparecen cando ían facer os 25 anos de majorettes. Desapareceron porque houbo unha indiferenza de opinións"
bottom of page