top of page
O CORAZÓN: O latexar das rondallas hoxe
Hoxe, as rondallas seguen vivas, adaptándose aos novos tempos sen perder a súa esencia. A tradición convive coa innovación nunha expresión cultural que mantén o seu peso emocional e social en moitos barrios e parroquias. Neste vídeo, mergullámonos na visión que teñen directores, capitáns e rondalleiros sobre o presente e o futuro destas agrupacións
Coñece onde se atopan todas as rondallas de hoxe
O IFEVI: O GRAN ESCAPARATE
Nervios, ilusión, meses de ensaios, decepcións e, por riba de todo, alegría.Iso é o que responden moitos rondalleiros cando se lles pregunta que significa o IFEVI, porque, a día de hoxe, este recinto feiral de Vigo é o escenario máis importante do ano para as rondallas, é a cita que marca o calendario e o pulso do movemento rondalleiro no sur de Pontevedra.
O certame, que se celebra cada mes de xaneiro, despois do Nadal, é o único concurso oficial entre rondallas e o momento onde se miden en igualdade de condicións. Este ano, na séptima edición, foron 14 agrupacións e máis de 1.200 participantes os que competiron ante un público entregado. A Rondalla Santa Eulalia de Atios fíxose co primeiro premio, seguida por Pontellas, Torroso, Chaín e Santa Eulalia de Mos. No apartado de abandeirados, a vitoria foi para Valladares, con Santiago de Parada, A Merced de Chaín, Atios e Mosteiro de Pexegueiro completando o podio.
Pero máis alá da música e dos nervios, o IFEVI tamén é espazo de debate. ¿Debe a tradición estar marcada pola competición? Rondalleiros como Martín, Adrián ou Diego defenden que o formato competitivo dá motivación, eleva o nivel e dinamiza os grupos, mentras que outros, como Santy ou Plácido, preferirían recuperar un espírito máis festivo e menos competitivo, onde primen a convivencia e a participación.
Este 2025, ademais, o IFEVI deu o salto ao cine. O director Daniel Sánchez Arévalo elixiu este certame como unha das localizacións da súa nova película, “Rondallas”, un filme que mestura documental e ficción e que se rodou en distintos puntos da provincia. “O que me enganchou foi esa sensación de comunidade”, conta o cineasta, “ver a xente tan diversa unida pola música”.
Para Santy Garrido, a experiencia foi reveladora: “este tipo de cousas dános moita visibilidade. De repente, con isto da película empezou a aparecer xente de todas partes”, algo no que Irene Anta está de acordo. "Dende a rodaxe aumentou moitísimo a xente interesada en participar”, explica a directora, con quen coincide o propio Arévalo. “Sei que moita xente comezou a interesarse, e normal, eu se vivise aquí, collería unha pandeireta e apuntábame pero de cabeza”. Así, o que durante moitos anos foi unha tradición de barrio, hoxe comeza a saír nos medios, nos festivais e mesmo nas pantallas de todo o país.
Tamén o libro que está a preparar Diego Pérez, rondalleiro e investigador, suma neste labor de recuperación e divulgación. Un traballo pioneiro que busca documentar, explicar e poñer en valor unha tradición que nunca antes fora recollida con tanta profundidade.
O IFEVI, daquela, é moito máis ca un concurso, podemos dicir que é o espello onde se reflicte o presente das rondallas; a súa forza, os seus debates, a súa evolución... Un lugar onde se escoitan gaitas, cunchas, pandeiretas, castañolas... pero tamén onde se fala de futuro.
Daniel Sánchez Arévalo
00:00 / 01:17
Pero… que foi o que lle fixo clic? Como chegou un director madrileño ata o corazón desta tradición)
bottom of page











