top of page

AS MANS: ONDE NACE O SON

A pandeireta, os cristos, os roncos, as charrascas, as castañuelas e as cunchas son os instrumentos máis característicos das rondallas, forman a base rítmica, marcando o pulso da música e dándolle ese son tan recoñecible que as identifica. Estes instrumentos adoitan ir acompañados por músicos que tocan saxofóns, trompetas, tubas, bombardinos etc, ou por gaiteiros, ou mesmo as dúas cousas xuntas, conseguindo así un conxunto máis completo e potente tanto a nivel melódico como harmónico.

Ademais, "en moitas rondallas tamén se empregan outros instrumentos que fan referencia á maneira de tocar de antes, cando a música se facía con aquilo que se tiña máis a man", explica Santy Garrido, capitan de abandeirados de Beade. Así, é habitual ver botellas de anís, serruchos, sachos, latas de pementón e outros obxectos cotiáns convertidos en instrumentos, mantendo viva esa tradición de aproveitar os recursos do día a día para facer música.

A PANDEIRETA

A pandeireta é un instrumento de percusión moi presente na cultura galega, especialmente recoñecida na música tradicional. Sen embargo, tamén destaca como un dos instrumentos máis vistosos dentro das rondallas, onde adopta un estilo de execución propio, diferente ao tradicional. A súa sonoridade brillante e a súa capacidade para marcar o ritmo fan que sexa unha peza indispensable nestas agrupacións.

Este instrumento está composto por un marco circular no que se colocan ferreñas ou sonaxas metálicas, e conta cunha membrana tensa que se percute tanto coa man, como o codo, o brazo ou incluso coa rodilla. Esta estrutura fai que a pandeireta sexa ao mesmo tempo un idiófono, porque produce son coas ferreñas que chocan entre si ao ser axitada, e un membranófono, porque a membrana emite un son grave ao ser golpeada.

Nas rondallas, a pandeireta non se toca como nas agrupacións tradicionais. "Aquí desenvólvese unha técnica propia e característica, cun xeito máis visual e coordinado"; asegura Irene Anta, directora de Santa Eulalia de Mos, un xeito de tocar que chama a atención tanto polo son como pola estética. "Esta maneira de tocar non ten unha explicación clara nin académica, simplemente é unha forma máis vistosa e impactante, xa que permite que os lazos decorativos que colgan da pandeireta voen mentres se toca, engadindo movemento e cor á actuación", explica Irene. Cando todas as integrantes executan os mesmos xestos ao mesmo tempo, o efecto visual é moito máis espectacular que se se tocara como nun grupo tradicional.
 

Descubre como soa a pandeireta
00:00 / 00:22

O CRISTO

O cristo é un instrumento de percusión propio das rondallas. 

Recibe o seu nome pola súa forma característica en cruz e adoita ser construído de maneira artesanal polos propios rondalleiros, empregando madeira e engadindo ferreñas (as mesmas que soan nas pandeiretas) ao longo da súa estrutura.

Trátase dun instrumento sinxelo pero moi característico, que destaca tanto pola súa sonoridade como pola súa aparencia. 

"Tócase realizando movementos verticais co instrumento (de arriba abaixo), facendo que o cristo roce ou golpee contra un pau de madeira que permanece fixo, apoiado contra o costado e suxeito coa man", explicános Plácido, músico e exdirector de varias rondallas. "Así, a través deste contacto conseguimos que as ferreñas vibren e produzan un repenique metálico, semellante ao dunha pandeireta, pero cun timbre máis seco e continuo", conclúe.

Na práctica musical da rondalla, o cristo cumpre unha función esencial como reforzo rítmico. Acompaña normalmente os patróns marcados polas pandeiretas, engadindo corpo, presenza sonora e intensidade á sección de percusión. O seu son constante axuda a manter o pulso das pezas máis animadas e contribúe a esa textura sonora tan característica das rondallas.

Descubre como soa o cristo
00:00 / 00:26

A CHARRASCA E O RONCO

A charrasca é un instrumento de percusión pertencente á familia dos idiófonos de frotación. Consiste nunha peza alongada, normalmente feita de metal, na que se abren unha serie de surcos ou acanaladuras. Estes surcos son raspados cun pau metálico, producindo un son vibrante e rascante. Este instrumento é de acompañamento rítmico, usado para dar textura e reforzar o compás nas músicas tradicionais de diversas partes do mundo.

Aínda que a charrasca non é propia das rondallas, esta adoita ser adaptada e fabricada polos propios rondalleiros de forma artesanal. Unha das prácticas máis frecuentes, sobre todo no pasado, era "empregar tambores metálicos de lavadora para construír as charrascas", explica Plácido Salgueiro. A súa forma cilíndrica e os buratos xa feitos facían deste material un recurso ideal para producir o son característico cando se raspaba cun pau metálico. Actualmente, "isto xa non se ve moito, agora as charrascas xa están feitas dun ano para outro, pero foi unha solución moi común fai xa varios anos", confirma Diego Lorenzo, director da rondalla de Vincios. 

Na rondalla, a charrasca ten a función de marcar o ritmo, acompañando aos demais instrumentos de percusión, como a pandeireta, cun son metálico e continuo que destaca na interpretación. O pau metálico utilizado para raspar a súa superficie contribúe a dar un compás firme, e a súa sonoridade é moi distintiva debido á composición do metal.

O ronco, pola súa parte,  é un instrumento de percusión similar á charrasca, pero cunha diferenza importante no material de construción. Mentres a charrasca é metálica, o ronco está feito de madeira. A súa forma tamén é alongada e presenta unha serie de surcos ou estrías na súa superficie, creadas mediante tallado, que son raspadas cun pau pero esta vez de madeira.

A principal diferenza entre o ronco e a charrasca é o timbre: o ronco, feito de madeira, produce un son máis grave e seco en comparación co son brillante e metálico da charrasca. A técnica de interpretación é a mesma en ambos os instrumentos: raspar os surcos de arriba a abaixo ou de forma rítmica para producir o son característico.

O ronco cumpre unha función semellante á da charrasca nas rondallas: reforza o ritmo e engade corpo ao compás, pero o seu son máis suave e grave ofrece unha textura diferente que enriquece o conxunto. 

Descubre como soa a charrasca
00:00 / 00:07

AS CASTAÑUELAS

As castañuelas son un instrumento de percusión formado por dúas pezas de madeira unidas por un cordón, que ao facelas repenicar producen un son seco e rítmico moi característico. Este instrumento xa era coñecido polos fenicios hai máis de tres mil anos, e aínda hoxe ten un lugar destacado nas rondallas do sur de Pontevedra.

Actualmente, existen dous tipos principais de castañuelas: as de man, que se suxeitan cos dedos e requiren máis precisión e esforzo físico para ser tocadas, e as que levan un pau, tamén chamadas de mango, que permiten un manexo máis sinxelo e descansado. Nas rondallas de hoxe en día, as castañuelas con pau son as máis utilizadas pola súa comodidade e facilidade de uso. Non obstante, aínda quedan algunhas persoas que seguen mantendo viva a técnica das castañuelas de man, un estilo máis tradicional e visualmente recoñecible.

Un referente importante neste xeito de tocar foi Rafael Davila, quen formou parte da Rondalla de Valladares e máis tarde fundou a Rondalla de Beirán, hoxe desaparecida. Dise que foi un dos mellores tocadores deste instrumento, e o seu estilo deixou unha fonda pegada. Todos os que tocaron con el aprenderon a súa técnica e, co tempo, esta foi pasando de xeración en xeración. Hoxe, os que coñeceron a Rafael son quen de recoñecer o seu xeito de tocar nalgúns rondalleiros, mozos e mozas que herdaron esta forma de interpretación. A súa influencia mantense viva, a través dun son que segue soando con personalidade propia dentro das rondallas.

Descubre como soan as castañuelas
00:00 / 00:11

AS CUNCHAS

Durante décadas, as cunchas de vieira foron un dos sinais de identidade das rondallas. O seu son único, brillante e enxebre enchía os desfiles e certames cunha personalidade inconfundible. Hoxe, con todo, este instrumento tradicional está cada vez máis ausente. 

As cunchas de vieira, pertencentes á familia dos idiófonos refregados, tócanse suxeitando unha delas coa man esquerda, coa parte cóncava apoiada na palma e as estrías orientadas cara a fóra, mentres que a outra, na man dereita, se coloca coa parte dentada dirixida aos dedos. Esta última é a que leva o ritmo, ao refregar e golpear sobre a cuncha fixa, creando un son seco e peculiar. A súa sonoridade depende en gran medida do tamaño, as pezas máis grandes producen tons máis graves, mentres que as máis pequenas xeran sons máis agudos e brillantes.

A técnica non é complexa, pero si require sensibilidade e oído. A súa práctica transmitiuse sempre de maneira oral, observando e imitando a quen xa sabía tocalas. Non obstante, cada vez son menos as persoas que se animan a aprender. “A cuncha de vieira é o instrumento máis tradicional da rondalla, o único que por si só dá as sete notas da escala musical”, explica Plácido Salgueiro, exdirector e rondalleiro. Con preocupación, Plácido recoñece que as cunchas son xa un instrumento en risco de desaparecer. “Hoxe xa case non se ven, sorpréndeme que xa hai rondallas que prescinden delas, e é unha mágoa, porque forman parte da nosa identidade”.

Ademais da falta de relevo, tamén inflúe o feito de que, en conxuntos con moitos instrumentos e percusión potente, as cunchas teñen pouca forza sonora e tenden a quedar tapadas. Iso fixo que moitas agrupacións fosen prescindindo delas. Aínda así, o seu son segue vivo nalgunhas rondallas que apostan por mantelas, conscientes de que con elas tamén se preserva unha parte importante da historia da música popular galega.

Descubre como soan as cunchas
00:00 / 00:30
bottom of page